24 Sep Os socialistas demandan un plan galego de dinamización dos parques empresariais

«O goberno galego debe impulsar accións en coordinación coa organización representante dos mesmos»
Os socialistas galegos demandaron hoxe no Parlamento “un plan galego de dinamización dos parques empresariais” e unha maior coordinación entre as consellerías de Economía e Industria e a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
No debate dunha proposición non de lei en comisión, rexeitada polo PP, o portavoz de Industria do PSdeG, Abel Losada, lembrou que “as dotacións de capital humano, físico e financeiro son os tres piares fundamentais para o desenvolmento de proxectos empresariais solventes, pero en Galicia temos un problema evidente”.
“O financiamento per cápita a empresas non chega á metade da media española e o Igape aporta cuantías moi pequenas, por moito que o PP diga que a realidade é outra e o finaciamento ilimitado”, sostivo o deputado socialista. Con respecto ao capital físico, “os custos enerxéticos son moi elevados e as dúas consellerías implicadas no chan industrial non traballan de forma conxunta”.
“A xestión da Consellería de Infraestruturas é inmobiliaria, ten pouco chan e o comercializa, pero o prezo por metro cuadrado en Salvaterra multiplica por dez ao de Vilanova da Cerveira, por poñer un exemplo”, apuntou. Losada demandou á Xunta que atenda as peticións “dos diferentes axentes económicos que interveñen nos procesos produtivos da nosa comunidade e que coinciden na existencia de graves problemas de axuste entre a oferta e a demanda no chan industrial”.
“O goberno galego debe impulsar accións en coordinación cos parques empresariais galegos e coa organización representante dos parques para coñecer a súa situación e as súas necesidades, tanto en termos de dotacións físicas como técnicas”, engadiu, antes de rematar esixendo “que se amplíe o orzamento nun 50%, así como os obxectivos e beneficiarios na liña de axudas que publica a Consellería de Economía e Industria para a mellora dos parques”.
http://www.psdeg-psoe.com/2015/09/24/os-socialistas-demandan-un-plan-galego-de-dinamizacion-dos-parques-empresariais-e-unha-maior-coordinacion-entre-as-consellerias-de-industria-e-infraestruturas/