Galegos de sona falan ‘Con Voz Propia’, en Correo TV

Catorce destacados representantes da Galicia máis activa e comprometida apoian o uso do galego en todos os ámbitos

Coincidindo coa celebración do Día de Galicia, Correo TV iniciou a emisión dunha serie de 14 microespazos, presentados por Carlos Roma, para fomentar o idioma galego en todos os ámbitos de actividade. Baixo o título de Con Voz Propia, a televisión compostelá, cuxa produción propia se emite na súa maior parte na língua de Rosalía, está a promover deste xeito o uso do noso idioma como idóneo e útil para comunicarse.

Poñen a palabra e a súa imaxe a esta serie de minientrevistas catorce persoeiros de primeiro nivel nos seus respectivos ámbitos de actuación, Por orde de emisión, defenden o galego Jorge Mira, director do Departamento de Física Aplicada da USC; Alfonso Paz-Andrade, fillo do homenaxeado este ano no Día das Letras, empresario e innovador; Guadi Galego, vocalista e gaiteira que foi durante dez anos do mítico grupo Berrogüeto; Ángel Carracedo, científico de recoñecemento mundial; David Sobral, secretario da Federación Galega de Parques Empresariais; Moncho Fernández, adestrador do Club Obradoiro de baloncesto; Dalila Dopazo, maxistrada do Xulgado do social número 3 de Lugo; Juan Nogueira Montero, profesor da Universidade de Lund (Suecia); Manuel Ángel Alonso, director de Administracións Públicas de Telefónica no Noroeste; María Canosa, enxeñeira de Camiños, poeta e presentadora de televisión; Juan Casares, reitor da USC; Iván Baqueiro, xerente de Galipad Consulting, empresa de consultoría estratéxica; Rosalía Morlán, Profesora de Ciencias da Saúde da USC e escritora, e Ramón Villares, catedrático e presidente do Consello da Cultura Galega.

A todos se lles formulan tres cuestións, sobre as que dan o seu parecer: «O galego é para vostede…», «Que vantaxes ten falar en galego?» e «Un desexo para a nosa lingua…».

Esta iniciativa de Correo TV conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüistica. O deseño gráfico foi realizado por Pórtico Comunicación e a música pertence ao grupo aCadaCanto.

http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/galegos-de-sona-falan-con-voz-propia-en-correo-tv/idEdicion-2012-08-02/idNoticia-759012/