11 Sep Traballo incentiva a contratación de 2.800 traballadores galegos con catro programas dotados con 12,6 millóns de euros
Entre as axudas destacan o fomento á contratación allea, os programas Emporfor e Forcon, así como as subvencións dirixidas ás persoas con discapacidade e ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego
A Consellería de Traballo e Benestar está a incentivar na actualidade a contratación de 2.800 traballadores e traballadoras galegos a través de catro programas dotados con máis de 12,6 millóns de euros.
A directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, mantivo hoxe un encontro cos membros da Confederación de Empresarios de Ourense no que enumerou catro iniciativas da Xunta dirixidas ao fomento do emprego: dous programas pioneiros de formación e emprego e incentivos para fomentar a contratación allea; subvencións dirixidas á contratación de persoas con discapacidade e ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego.
Por un lado, apuntou que o Goberno galego está a investir 10,1 millóns de euros a dous programas pioneiros de formación e emprego –o Emporfor e o Forcon-, así como a distintos incentivos destinados a fomentar a contratación allea.
Amparo González indicou que “todas estas actuacións foron pactadas no seo do Diálogo Social, con patronal e sindicatos, e teñen como fin poñer en marcha medidas innovadoras en materia de emprego” e engadiu que as mesmas van dirixidas principalmente aos colectivos “máis afectados” pola situación económica actual.
Os programas de incentivos á contratación de persoas traballadoras inclúe incentivos á contratación indefinida inicial e a tempo parcial; á transformación de contratos temporais en indefinidos (programa Estabiliza); e para a contratación temporal de colectivos en risco de exclusión e para a conciliación laboral (programa Inserta). A convocatoria regula tamén o programa novidoso “Emporfor”, que conta cun orzamento de 9,3 millóns de euros e beneficiará a unhas 2.000 persoas.
A directora xeral destacou que serán colectivos prioritarios nestes programas: mozos e mozas sen cualificación; persoas desempregadas de longa duración; desempregados que esgotasen as prestacións por desemprego; perceptoras de RISGA; parados de 45 anos ou máis.
Con respecto ao programa “Emporfor”, que combina emprego con orientación e formación personalizada, Amparo González indicou que está dirixido só a persoas desempregadas de longa duración, persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, perceptores de RISGA ou persoas desempregadas maiores de 45 anos.
Os beneficiarios compatibilizarán un contrato a tempo parcial do 70% da xornada laboral, cun compromiso de asistir no 30% restante a programas de orientación e formación profesional encamiñados a obter certificados de profesionalidade. Segundo explicou a directora, este programa non se poderá utilizar para substituír traballadores nin cubrir prazas e as entidades solicitantes deberán acreditar que non realizaron despedimentos nos tres meses anteriores.
Por outra parte, González referiuse ao programa Forcon, no que se investirán 750.000 euros e que chegará a unhas 300 persoas. Está dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación laboral. Para mellorar a súa empregabilidade ofrécelles, dunha banda, formación en especialidades e ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia; e, por outra, experiencia laboral en empresas deses sectores.
Este programa piloto consiste, polo tanto, nunha parte de formación certificable –que xa empezou- que, unha vez rematada, continúa nunha fase de experiencia laboral nas ocupacións obxecto dos certificados, nas empresas do sector previamente seleccionadas pola administración e que participan no proxecto.
Persoas con discapacidade
A terceira iniciativa á que se referiu a directora xeral de Promoción do Emprego foi as axudas dotadas con 1,4 millóns de euros para a contratación de persoas con discapacidade que beneficiarán a 400 desempregados. “Trátase de establecer accións específicas para a inserción laboral deste colectivo, que teñen como obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción e permanencia no mercado de traballo”, apuntou González.
O último dos programas que ten en marcha a Consellería de Traballo e Benestar nestes momentos é o referido ás axudas para empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego que permitirán a creación de 100 novos postos laborais. Para esta iniciativa dedícanse máis de 1,1 millóns de euros. “O obxectivo é fomentar en Galicia a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego no ámbito local e rural”, afirmou.
Neste senso, González sinalou que a Xunta financiará a creación directa de emprego estable, a posta en marcha da actividade ou a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.