11 May O presidente da Federación destaca na Universidade que os parques empresariais son o próximo reto das telecomunicacións

En Galicia hai 47 millóns de metros cadrados de chan dedicados a 110 parques industriais, comerciais e de servizos, pero só dous son considerados parques tecnolóxicos: a Tecnópole de Ourense e o PTL de Vigo, máis enfocado á loxística “e ao servizo de apoio á factoría de PSA”, segundo explicou Santiago Gómara, presidente da Federación Galega de Parques Empresariais e encargado do relatorio TIC e a empresa nos parques empresariais de Galicia. Aínda que cada vez son máis os usuarios das novas tecnoloxías nestes polígonos industriais obrigados polo avance da sociedade e polo medo “a quedar atrás”, tan só seis de cada 10 empresas empregan a firma dixital e só o 19% realiza intercambio automatizado de datos. “Queda moito traballo no campo da firma dixital e da factura electrónica, está moi verde a pesar de que é o futuro co crecemento da e-administración. Aí é onde precisamos a axuda dos enxeñeiros de telecomunicación”, puntualizou Gómara.
Moito traballo por diante
Os principais obstáculos cos que se atopan os empresarios á hora de axuntarse ao mundo das TIC é, fundamentalmente, a falta de infraestruturas: demandan unha rede de fibra óptica coa que dispoñer de banda ampla, unha rede segura de datos, internet de 10 Mb/s simétrica e un sistema integral de videovixilancia. “Precisamos velocidade e seguridade porque son medios que xa se están a empregar para calquera tipo de comunicación, como a videoconferencia, por iso tamén necesitamos que haxa un maior número de operadores que dean un servizo competitivo. Sen embargo, os parques pequenos non dispoñen de nada”, lamentou o presidente da Fegape. Como puntualizou Ramón Bermúdez, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, “os parques aglutinan a meirande parte das empresas e as TIC son as que maior valor engadido lles poden aportar”.
Sen embargo, o último estudo feito para coñecer a situación real das TIC nas empresas galegas amosou unha realidade ben diferente: a maioría dos parques industriais carecen de infraestruturas de telecomunicación. Por iso piden que calquera concurso de licitación dun parque empresarial veña aparellado cun proxecto TIC con orzamento suficiente para desenvolvelo, xa que son precisamente as propias tecnoloxías “as únicas capaces de salvar esas eivas estruturais”. Salvando os “problemas de comunicación entre empresas TIC e clientes”, como subliñou o presidente do INEO Jorge Cebreiros, cada polígono ten unha casuística diferente “que non permite unha solución única, pero o sector das telecomunicacións é diverso e onde non chega a fibra óptica chega o wifi. É un sector que avanza moi rápido e unha solución que adoptaches hoxe mañá pode quedar obsoleta”, recordou Fernando Pérez, director xeral de Gradiant e alumno da primeira promoción da EET.