Mato reafirma o seu apoio ao empresariado e destaca que Traballo apoiou a 14.000 autónomos e emprendedores en dous anos

A responsable do departamento autonómico resalta que o presuposto para autónomos e emprendedores ascenderá a máis de 28 millóns o próximo ano, un millón de euros máis que en 2011

A Consellería de Traballo e Benestar reafirmará o seu apoio ao empresariado galego de cara ao próximo ano incrementando nun millón de euros o orzamento destinado a axudar aos autónomos e emprendedores de Galicia.

Así o confirmou hoxe a responsable do departamento autonómico, Beatriz Mato, no transcurso dunha xuntanza que mantivo coa asociación de empresarios de Mos. Desta forma, o presuposto neste eido ascenderá a máis de 28 millóns de euros en 2012. No que transcorreu de lexislatura, o Goberno galego ten apoiado a máis de 14.000 autónomos e emprendedores.

Na colaboración que a Xunta mantén con este colectivo, Mato indicou que a asociación de empresarios de Mos está a percibir unha subvención de 120.000 euros a través do Plan Integral Insere 2.0 (2011-2012), unha iniciativa de apoio ás novas tecnoloxías como ferramenta de procura de emprego e mellora da empregabilidade.

Así mesmo, lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar financiou no Concello de Mos con 95.000 euros o desenvolvemento do programa Xerae co que se acadou o 67 por cento de insercións laborais dos 100 persoas que participaron no mesmo.

Ademais, a titular de Traballo na Xunta de Galicia fixo fincapé na importancia de que o proceso do Diálogo Social en Galicia segue aberto e funciona desde hai máis de dous anos “sen interrupcións”.

“Temos unha importante canle de traballo aberta neste proceso que xa deu como resultado 15 acordos e 9 preacordos dos que 6 son específicos para a mellora da competitividade empresarial, a modernización, a innovación, o impulso á internacionalización, ao tempo que articulan apoios aos sectores estratéxicos como o téxtil e o naval”, apuntou.

Neste senso, e para concluír, Mato sinalou que “poder contar con este consenso nos momentos que atravesamos é unha das nosas principais bazas para que Galicia poida ser razoablemente optimista de cara á saída da crise”.

http://www.xunta.es/notas-de-prensa?p_p_id=novas_portlet&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_novas_portlet_content=%2Fopencms%2FPortal-Web%2FContidos%2FNovas%2Fnova_estandar16892.html