Lucía Molares considera que o foro de emprego Insere 3.0 será unha boa ferramenta para conciliar a oferta e a demanda entre empresas e traballadores en situación de desemprego

A iniciativa “Insere 3.0. Emprendemento e emprego activo” levarase a cabo o vindeiro 15 de decembro no Multiusos de Mos

 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, participou esta mañá na presentación do I Foro de Emprego “Insere 3.0. Emprendemento e emprego activo” que se levará a cabo o vindeiro 15 de decembro no Multiusos de Mos.

Acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a deputada provincial, Marta Iglesias; o presidente da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, José Mañas; e o secretario da Federación de Parques Empresariais (Fegape), David Sobral; a delegada territorial da Xunta explicou que esta iniciativa forma parte do Plan Integral Insere 2.0 que os empresarios de Mos puxeron en marcha cunha subvención de 120.000 euros procedente da Consellería de Traballo e Benestar.

O Insere 2.0 pretende ser unha iniciativa de apoio ás novas tecnoloxías como ferramenta de procura de emprego e mellora da empregabilidade. E neste marco nace este Foro de Emprego co obxectivo de converterse nun debate múltiple e aberto relacionado co emprego, do que participarán empresas, axentes e organismos implicados. Ademais, pretende crear debates e favorecer a análise sobre distintos aspectos relacionados co mercado laboral, así como servir de ferramenta útil na busca activa de emprego.

Así, Lucía Molares destacou a necesidade de “cooperación” entre Administracións e institucións e asociacións empresariais para conseguir o “obxetivo real de reducir as taxas de desemprego”. Neste senso, recalcou que este tipo de iniciativas son unha boa ferramenta para coñecer a oferta e a demanda e “conciliar os intereses” dos empresarios e dos traballadores en situación de desemprego.

Por último, a representante da Administración autonómica en Vigo lembrou o esforzo inversor que a Xunta de Galicia está a realizar coas políticas activas de emprego e que no caso de Mos chega a axudas por valor de 3 millóns de euros ademais de resaltar o importante pulo que está a ter o parque empresarial A Veigadaña de Mos.

Accións do Foro
O I Foro de Emprego Insere 3.0 está organizado conxuntamente polo Concello de Mos, AEMOS, a Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e a Asociación de Empresarios de As Gándaras – Porriño.

Entre outros servizos e actividades, ofrecerá o día 15 de decembro no Multiusos ós seus visitantes stands ou «rincóns» para levar a cabo reunións formais e informais entre traballadores en situación de desemprego, traballadores en activo con inquietudes laborais, técnicos de organizacións empresariais, directores de Recursos Humanos e profesionais vinculados á intermediación laboral e ao asesoramento para o emprego.

Os obxectivos deste Foro de Emprego son que este se convirta nun espacio de debate múltiple e aberto coa participación de empresas, axentes e organismos implicados no emprego no que poder levar a cabo debates, análise e entrevistas sobre diversos aspectos do emprego dende perspectivas variadas, así coma coloquios sobre asuntos concretos e útiles, en tempos medidos, para permitir a participación dos diferentes actores. Outros dos obxectivos do Foro Insere 3.0 son aportar novas ferramentas para a busca activa de emprego, construir, dende a experiencia e o apoio, unha mellor inserción laboral, e buscar o poio institucional á inserción laboral e á interacción entre os diversos interlocutores.

http://www.xunta.es/notas-de-prensa?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar17321.html