21 Feb A Xunta promove o galego como vantaxe competitiva para exportar ao ámbito lusófono
Uns 217 millóns de falantes espallados por todo o mundo, desde Timor oriental ou Macao, en Asia, ata Angola ou Mozambique, en África, pasando por Brasil, da outra beira do Atlántico, á parte do país veciño. Non todas as linguas poden presumir diso, pero si o portugués, idioma que ten moitos vencellos co galego, xusto o aspecto que queren explotar a Xunta e a Federación Galega de Parques Empresariais para animar ao empresariado a usar o galego. Ámbalas dúas entidades están convencidas da «vantaxe empresarial competitiva» que supón para as compañías galegas contar cunha lingua que lles facilita a entrada aos países de ámbito lusófono e por iso mesmo impulsaron, dentro das accións estratéxicas que desenvolve o Executivo galego para a promoción das relacións cos países de fala portuguesa, a campaña «Exportar en galego», que enfatiza a lingua galega como «un valor e un activo no establecemento de relacións comerciais».
Abondando nesta idea, onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou na Cámara de Comercio de Tui dúas ferramentas novas: a plataforma www.exportarengalego.gal e o buscador Paz-Andrade, ámbalas dúas, como sinala a Xunta, orientadas a amosar o potencial do galego como «elemento facilitador dunha comunicación fluída, peza chave», argumentan, «en calqueira proceso de internacionalización».
O responsable de Política Lingüística da Xunta evocou o exemplo do empresario e galeguista pontevedrés Valentín Paz-Andrade nun acto que tamén contou coa presenza do seu fillo Alfonso Paz-Andrade, para asegurar que «o dominio do galego pode favorecer, en países emerxentes cun peso económico cada vez máis importante, esa comunicación áxil e xeradora de confianza que tantas veces é determinante á hora de pechar un negocio». Tamén se referiu a Paz-Andrade coma un «exemplo» inspirador David Sobral, secretario de Fegape.
Por se os millóns de potenciais clientes non son dabondo e fan falla máis argumentos para convencer aos empresarios das bondades da lingua de Rosalía para os negocios, a Fegape lembra que, segundo os datos do ICEX, as exportacións galegas aos países da lusofonía representaron unha media de entre o 12 o 17%, segundo o ano, dende 2011, sobre todo cara Portugal, Brasil e Angola e, en menor medida, pero de xeito crecente, a Mozambique.
David Sobral pon de relevo que o portugués «é a lingua máis falada no hemisferio sur» e ten unha presenza importante en internet (máis de 80 millóns de usuarios), outro dos novos escenarios do comercio mundial. E ademais, engade, é a lingua de países emerxentes como Angola, cuxo PIB medrou en torno a un 10 por cento. «E vemos moita presenza de Angola en Portugal, e tamén podería haber unha inversión aquí porque Galicia ten esa vantaxe do idioma que non teñen outras comunidades autónomas», alega.
«Nós vemos que o galego é unha opción intelixente que hai que incorporar e que ten que ter presenza día a día no tecido produtivo», reivindica Sobral. O obxectivo da Fegape coa súa aposta polo galego e esta nova plataforma é tentar, por unha banda, mellorar as exportacións, xa que, advirte, baixaron un 3,2% o ano pasado e, segundo sinala referíndose ás conclusións do IGE, unha posible explicación é que «hai que darlle un pulo ás exportacións aos países emerxentes» e cre que o galego pode ser porta de entrada para a India ou China dende Macao e tamén para outros como a xa mencionada Angola ou Mozambique. Fegape agarda, coa nova web, aportar «un gran de area significativo» para acadalo e Sobral lembra que os sectores onde as empresas galegas teñen oportunidades son «todos», porque nalgúns países «está todo por facer e medran de xeito exponencial».
Asemade destaca que a meta de Fegape é que a industria galega teña un 20% de peso no PIB para poder elevar a porcentaxe de poboación ocupada e para iso, di, «hai que fomentar a internacionalización e o galego». «Vemos as estatísticas que falan da situación do idioma e cremos que debería subir, non só como un tema identitario, senón como unha oportunidade de mellorar» nos negocios, afirma.
Ao tempo, a páxina presentada onte tamén tira para Galicia noutro eido, o de tentar «atraer investimento á comunidade», explica. Por iso a web contén enlaces á propia Fegape, a Xestur e SEA (empresas públicas que xestionan solo industrial), á Zona Franca de Vigo ou a SEPES. De feito, explica, está tamén en portugués para que os empresarios deses países «teñan facilidade á hora de analizar os parques empresariais» existentes en Galicia «e a súa ubicación».
O empeño da Fegape co galego, apoiada pola Xunta, ven de atrás. Primeiro fixeron a campaña «O galego, chave para os teus negocios no mundo» e logo, en 2013, botou a andar «Exportar en galego» coa publicación dunha «Guía para a exportación a países de lingua portuguesa». Non obstante, sinala, os empresarios suxeríronlles unha iniciativa en liña, que presentase información económica vencellada a esta aposta de xeito «dinámico» e exportarengalego.gal é o resultado.
fonte: farodevigo.es/galicia