O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que a Xunta ten que ser, xunto co sector financeiro, un punto de apoio que axude ás empresas a innovar, a avanzar cara a Industria 4.0 e a exportar a novos mercados
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na clausura dunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) que o financiamento é unha garantía de futuro para a actividade empresarial e, xunto a normas como a futura Lei de implantación empresarial, un instrumento para xerar masa industrial na comunidade.
No encontro celebrado hoxe en Santiago, Conde apuntou así mesmo que falar do financiamento empresarial do futuro sitúa ás administracións públicas en primeira liña, e máis cando o reto actualmente está en potenciar a innovación, o emprendemento e a internacionalización nos sectores produtivos, e cando a principal necesidade que afronta a economía é a creación de emprego e de postos de traballo cualificados.
Por todo iso, remarcou, que, xunto co sector financeiro, a Xunta ten que ser o outro punto de apoio para estimular o crecemento das empresas galegas e a creación de emprego de calidade, así como para axudalas a innovar, a introducir a tecnoloxía propia da Industria 4.0 e para axudalas a exportar a novos mercados. Puxo tamén o foco o conselleiro na necesidade de deseñar conxuntamente un mapa formativo axustado aos perfís profesionais que máis demandan.
Conde, que sinalou que está a callar con forza entre o tecido empresarial galego a necesidade de abrirse ao mercado internacional, apuntou que as exportacións galegas representan xa o 8% do total do estado, e creceron no primeiro semestre do ano un 12,3%, o que supón un novo récord histórico para Galicia e as súas empresas.
Así, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria resaltou que, se hoxe podemos falar de recuperación e crecemento económico é grazas ao esforzo das empresas nestes últimos anos por lanzarse a competir con éxito no exterior. “A Marca Galicia, en sectores como o téxtil, o conserveiro, o agroalimentario, o naval ou o aeronáutico, chega cada vez a un abano de países máis amplo”, apuntou.
Na súa intervención, Conde apuntou que se a economía galega vén de marcar un dos seus mellores trimestres ao medrar un 0,9% entre abril e xuño, 3 décimas máis que no primeiro trimestre do ano, é en gran medida, grazas ao comportamento do sector exterior, e tamén ao traballo que están a realizar a maior parte das pemes galegas por achegar máis innovación aos seus produtos e nos seus procesos de produción. Así, fixo fincapé en que para competir a economía galega ten que ser sinónimo de innovación, de experiencia, e sobre todo, garante de emprego de calidade.
Do mesmo xeito, sinalou que as novas tecnoloxías están cambiando a unha sociedade cada vez máis dixital e provocan que eses cambios sexan máis rápidos. Galicia, tal e como remarcou o conselleiro, debe responder cunha maior dixitalización da súa economía e iso, apuntou, é unha labor de todos: Administración e tecido empresarial. “Talento e innovación son os dous piares para dar resposta a esta economía global e dixital”.
Para avanzar neste eido, o conselleiro sinalou que nas vindeiras semanas o Goberno galego vai aprobar unha nova liña de préstamos para apoiar principalmente a aquelas empresas que vaian investir na implantación dalgún tipo de tecnoloxía ou sistema relacionado coa Industria 4.0, e tamén ás que teñan un perfil innovador e cun proxecto en carteira; ou a emprendedores que precisen de crédito para desenvolver un plan de negocio.
Estes novos Instrumentos Financeiros Innovadores para pemes e micropemes, nos que a Xunta vai investir 33 milllóns de euros e que permitirán mobilizar 60 millóns de euros para achegar financiamento a máis de 100 proxectos, forman parte do programa Galicia 1000, que no seu conxunto ten por obxectivo financiar proxectos de 3000 pemes galegas. Sinalou que o obxectivo da Xunta é ofrecer financiamento que permita ás empresas galegas facer fronte a novos investimentos e circulante, garantindo así a súa actividade e os postos de traballo vinculados a ela, e favorecendo a súa expansión.