A parcela onde se empracen as escolas estará separada da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará adosada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas

 Santiago, 9 de xuño de 2016.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da convocatoria de axudas para a creación de garderías en polígonos industriais e parques empresariais; unha media pioneira en Galicia, que proporcionará un mínimo de 451 novas prazas de atención á infancia en contornos empresariais.

Feijóo precisou que a través desta convocatoria subvencionarase a realización do proxecto, o acondicionamento da parcela, a construción ou reforma dun inmoble para a creación da escola así como o seu equipamento, incluíndo o mobiliario e o material didáctico.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas que reúnan os seguintes requisitos: dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou nas súas inmediacións, achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos menores de tres anos potenciais usuarios; e presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento do centro durante un mínimo de 5 anos.

No tocante ás características, o responsable da Administración autonómica subliñou que estas escolas infantís constarán dun mínimo de tres unidades e 41 prazas. “E a parcela onde se empracen estará separada da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará adosada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas”, engadiu.

En total destinaranse máis de 2,3 millóns de euros a esta convocatoria para crear once novas escolas infantís, e se repartirán atendendo a criterios como: o número de persoas traballadoras do polígono; o número de fillos menores de tres anos destes traballadores; á adecuación do número de unidades da escola proposta; o número de nenos potenciais usuarios; así como á porcentaxe de persoas traballadoras menores de 45 anos, entre outros criterios. “E a subvención como máximo será de 200.000 euros por escola”, precisou.

“Seguimos, polo tanto, traballando para que Galicia sexa un lugar máis idóneo para ter fillos. E por iso creamos a Tarxeta Benvida, temos deducións fiscais por nacemento, creamos máis prazas en escolas infantís, creamos tamén as casas niño no rural e o Bono Concilia e iniciamos o Bono Coidado”, precisou, a modo de resumo.

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2024 - Aviso legal
rss