O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe co alcalde de Porriño, Raúl Francés, un convenio de colaboración para o soterramento da liña de media tensión no polígono industrial das Gándaras. O soterramento desta liña supón un investimento de 1.863.000 euros, dos que a Consellaría achegará 754.516 (o 50% do custo da obra civil e o 30% do da instalación eléctrica, 489.184 e 265.332 euros, respectivamente). Pola súa banda, o Concello achegará o outro 50% da obra civil (489.184 euros) e Unión Fenosa o 70% restante da instalación eléctrica (619.108 euros). Esta actuación vai permitir, por unha banda, soterrar 3 quilómetros da liña que subministra enerxía ó polígono, o que vai incidir favorablemente na calidade e seguridade da subministración eléctrica ó conxunto das empresas instaladas no parque e, por outra, vai mellorar as condicións de seguridade viaria dentro do polígono.