O conselleiro de Innovación e Industria asinará un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) para a posta en marcha dun plan de formación en novas tecnoloxías dirixidos ás empresas do país, no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e do Plano Avanza. O departamento de Fernando Blanco achegará o 100% do orzamento preciso para o desenvolvemento destas actuacións, un total de 509.362 euros.

O programa céntrase en na posta en marcha dun plan de formación que chegará a todos os parques empresariais de Galicia (97) e que se centrará en tres campos de actuación: a factura electrónica, o DNI dixital e o comercio electrónico. No caso da factura electrónica, o plan persegue facilitar que a maior parte das empresas poidan adoptala como solución de facturación polas súas vantaxes en canto a aforro de custes, de envío e tramitación e de facer os cobros e pagamentos máis fluídos. O plano de formación pretende impulsar este tipo de solucións, aínda con moi baixa implantación na actualidade.
Canto ao DNI dixital, trátase dunha tarxeta de alta seguridade que ofrece importantes melloras tanto para os cidadáns en xeral coma para o sector empresarial pola multitude de servizos que ofrece. O DNI dixital inclúe certificados dixitais de identidade e sinatura electrónica, facendo posible o desenvolvemento de servizos avanzados de administración electrónica, ofrecendo máis seguridade nas transaccións de comercio electrónico e proporcionando un amplo abanico para o avance da sociedade da información. As vantaxes do DNI electrónico e da factura dixital vense reflectidas no auxe do comercio electrónico e no aumento da seguridade das transaccións a través de internet.
Por último, o plan tamén contempla actuacións formativas en comercio electrónico, unha modalidade que vai incrementando a súa presenza na sociedade a medida que as novas tecnoloxías se ven cada vez máis inmersas na actividade cotiá dos cidadáns.
Todas as accións de formación para o desenvolvemento do presente convenio disporán dun módulo no que se recollerán as vantaxes que ofrece para as PEMES o emprego de software libre. Ademais, debido á magnitude do alcanza do proxecto (a totalidade dos parques), as accións formativas dividiranse en zonas de actuación, de xeito que todos os parques teñan a posibilidade de acceder a calquera dos cursos que se desenvolvan nas localidades próximas á súa localización xeográfica.

conselleriaiei.org/ga/upload/dx/not/1411-a-np_convenio_fegape_27_08_08.pdf

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss