O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), Luis Fernández, para a posta en marcha dun plan de formación en novas tecnoloxías dirixidos ás empresas do país, no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e do Plano Avanza. O departamento dirixido por Fernando Blanco achegará o 100% do orzamento preciso para o desenvolvemento destas actuacións, un total de 510.000 euros, dentro do conxunto de medidas do Plan PEME Dixital, que conta cun presuposto global de 3 millóns.
O convenio recolle un plan formativo centrado nos ámbitos da factura electrónica, o DNI dixital e o comercio electrónico, que está destinado á totalidade de parques empresariais de Galicia e que tamén é aberto a calquera empresa que o solicite. A formación presencial levarase a cabo en 42 polígonos, seleccionados tanto pola súa centralidade nas distintas áreas e comarcas como por posuír as infraestruturas precisas para a impartición dos cursos. De xeito complementario existe a posibilidade da formación en liña, verificada a través da páxina web //www.galiciapms.eu//, na que os alumnos terán ao seu dispór un relator para aclarar e aumentar a súa información, así como a través dun blog específico. As dúas ferramentas estarán en vigor até un mes despois de rematado o proxecto.

Segundo explicou o conselleiro nacionalista, os cursos desenvolveranse de setembro a novembro, comezando mañá día 17 nos polígonos do Tambre, A Grela, Sete Pontes, As Pontes, A Pasaxe, Mos e Barreiros. Cada curso consta de 9 horas para cada unha das 3 modalidades (DNI dixital; comercio electrónico e factura electrónica) que se impartirán nos 42 polígonos galegos. Isto implica que se impartirán un total de 126 cursos repartidos por todo o país que supoñen 1.134 horas de formación directa e gratuíta para empresarios e traballadores.

O titular de Innovación e Industria aproveitou esta intervención para subliñar que Galicia xa está a reducir as distancias co seu contorno no eido da Sociedade da Información en varios indicadores entre os que se atopa o do comercio electrónico, entre os que citou o uso da factura electrónica, que se duplicou durante o último ano, e o uso da sinatura dixital, que aumentou un 22,4%.

Fernando Blanco lembrou o esforzo realizado o ano pasado no marco do PEGSI á estratexia de integración das TIC no tecido empresarial galego, cun orzamento de 26,8 millóns para 50 accións concretas entre as que sinalou a liña de apoio aos investimentos empresariais relacionados coa Sociedade da Información (con preto de 10 millóns), e os 11 millóns destinados á formación TIC. De igual xeito salientou a ampla variedade de portais que se puxeron en marcha para servizo ás empresas, como o portal de internacionalización da empresa galega ByGalicia e o portal de PEMES, entre outros.

Un total de 9,44 millóns de investimento nos polígonos galegos
Dentro xa do ámbito das infraestruturas, o conselleiro lembrou tamén que o seu departamento está a investir 5 millóns de euros para a extensión de redes de telecomunicación sen fíos para o acceso a internet en 32 polígonos dos 43 que non posuían banda ampla ou esta era insuficiente. Blanco anunciou que cos orzamentos de 2009 completarase a infraestrutura nos 11 polígonos restantes.

Ademais, segundo dixo, os polígonos industriais galegos están sendo obxecto doutras actuacións, como a dotación de diferentes infraestruturas, servizos comúns e acondicionamentos que suman máis de 3,75 millóns este ano. Deste xeito, a consellaría está a investir ao longo de 2008 nos polígonos do país un total de 9,44 millóns de euros.

xunta.es

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss