O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou un convenio de colaboración cos concellos de Cambados, Gondomar, Forcarei, Moaña e Porriño, para a mellora das infraestruturas e a renovación dos polígonos industriais localizados nos seus termos municipais. En conxunto, o investimento previsto nestas melloras é de 1.815.046 euros, dos que o departamento de Fernando Blanco achega un total de 1.116.693.
Segundo subliñou o conselleiro no acto de sinatura, estes convenios “van máis alá da necesidade de emprender as obras de transcendencia que teñen nas respectivas comarcas ao ampliar as posibilidades dos polígonos”. Fernando Blanco destacou que estas obras se enmarcan nunha estratexia de planificación do solo produtivo e, neste sentido, considerou “básicas” as melloras das infraestruturas nos polígonos para que as empresas dispoñan dos elementos necesarios para seren competitivas e superar a crise económica. Estas obras inciden principalmente en garantir a subministración eléctrica de calidade e no aforro enerxético, no fomento de espazos comúns e na construción de diversas estruturas, como viais e saneamento, entre outras.
En concreto, no polígono industrial de Sete Pías, en Cambados, a Consellaría contribuirá con 109.973,64 euros para levar a cabo un proxecto de mellora do alumeado público. O proxecto parte da instalación de luminarias en todo o recinto e o seu perímetro, ademais da colocación de equipos de aforro enerxético e a centralización, xestión e redución do gasto en iluminación.
No caso da mellora do polígono industrial da Pasaxe, en Gondomar, o plan previsto suporá a extensión da rede de saneamento e de auga potable completando os servizos básicos. O departamento de Fernando Blanco achegará para o desenvolvemento deste proxecto en Gondomar un total de 91.040,66 euros.
No concello de Forcarei realizarase un investimento de 69.841,5 euros para a execución do proxecto de mellora e reforzo da liña de media tensión e do transformador do polígono industrial da Vilapouca. Estas obras permitirán mellorar a calidade da subministración eléctrica ás empresas xa instaladas no polígono e cubrir a demanda das novas empresas que opten por instalarse nel.
A achega para o polígono industrial do Cocho en Moaña, que ascende a 253.496,48 euros, contempla obras de ensanche e urbanización co fin de compatibilizar o uso do viario de acceso a esta zona industrial co acceso ao lugar veciñal da Guía. Este viario non está preparado para recibir o tránsito de vehículos pesados e a súa adecuación garantirá o seu uso sen riscos para as persoas e a conseguinte mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.
Por último no polígono industrial das Gándaras, no concello do Porriño, levarase a cabo cun investimento de 103.156 euros un proxecto de mellora do enlace sur de acceso ao polígono. Con esta intervención correxirase o deterioro actual do seu firme para o tráfico rodado que accede tanto o polígono, no que se localiza o Parque Comarcal de Bombeiros e 91 empresas, coma ao núcleo rural do barrio de Orbenlle (parroquia de Budiño) e á zona leste do Espazo Natural das Gándaras. Ademais, o proxecto de ampliación permitirá acondicionar o vial para o tránsito dos peóns en condicións de seguridade, cuestión importante dado que por el discorre o Camiño de Santiago na súa variante portuguesa. Ademais desta iniciativa, está previsto soterrar a liña de media tensión que lle distribúe a enerxía eléctrica ao polígono, cun custe total de 489.184 euros.
Á marxe destas obras de mellora, o conselleiro recordou que Innovación e Industria impulsa tamén a dotación de banda larga en 32 polígonos que ou ben carecían deste servizo ou ben non o recibían coa calidade suficiente, proxecto ao que se destinan 5 millóns de euros; así como un plan de formación en novas tecnoloxías para PEMES que se está a desenvolver nos parques cun orzamento de 510.000 euros. En total a Consellaría de Innovación e Industria está a promover investimentos en diferentes infraestruturas e proxectos en polígonos empresariais, segundo dixo Fernando Blanco, por importe de 12,7 millóns de euros.
conselleriaiei.org/ga/upload/dx/not/1511-a-np_convenios_poligonos_PONTEVEDRA_26_09_08.pdf