Continúa aberta a polémica xurdida a semana pasada en relación o polígono empresarial de As Gándaras e a Asociación de Empresarios que representa o tecido produtivo asentado no mesmo. O concelleiro de Vías e Obras do Concello de Porriño, o nacionalista Pedro Pereira, solicitáballe a Asociación, tal e como informaba apeneira.com, “un maior compromiso” para conservar en bo estado o parque empresarial.


Ademais, o concelleiro amosara a súa predisposición a colaborar coa Asociación de Empresarios das Gándaras neste ou noutros temas, si ben indicou que a actitude da Asociación vólvese por veces obstruccionista, como no caso da financiación da obra de acceso norte ó polígono, “onde a Asociación de Empresarios renunciou a facer fronte á parte comprometida para levar a cabo esta obra”, afirmou Pereira.

Para o portavoz socialista, Iván Vaqueiro, estas declaracións son a apertura “dun frente contra a comunidade empresarial”. Segundo o voceiro socialista, as declaracións do edil de Obras, Pedro Pereira, “son desafortunadas, porque o mantemento do polígono de As Gándaras é responsabilidade municipal. A diferencia dos anteriores anos, dende o 2008 o Concello dispón dunha partida de 40.000 euros para o mantemento de As Gándaras que descoñecemos, á vista do polígono, se executaron o ano pasado e neste ano. Tanto as zonas verdes como as infraestructuras son de titularidade municipal dende o recepcionamento do polígono de As Gándaras, así como as parcelas que gañou o Concello, e polo tanto, o seu mantemento é municipal”.

“Desde o goberno do Porriño non pretendemos crear polémicas artificiais, como afirma o señor Vaqueiro, senón chegar a entedementos e comprometernos entre todos a dotar cos mellores servizos aos parques empresariais afincados no noso municipio. Convido ao portavoz socialista a traballar conxuntamente co Concello para que estas melloras se leven a cabo da forma menos gravosa posíbel para as arcas municipais. As entidades de conservación son unha figura extendida por todo o Estado para o mantemento conxunto entre administración pública e empresarios dos parques empresariais, e no Porriño estanse a empregar nos novos parques creados”, afirmou hoxe Pedro Pereira ante as declaracións do portavoz socialista.

Logo de que Vaqueiro afirmara no seu comunicado que máis de 1,2 millóns de euros de Xunta e Fenosa non se invirten na actualidade no polígono porque o Concello non cumpre o convenio asinado en 2008 que ten por obxecto o soterramento do tendido eléctrico do parque, Pereira indicou que o goberno municipal contempla esta intervención como necesaria, si ben neste momento prioriza a obra do polígono residencial de Torneiros. “Queremos soterrar a liña de alta tensión do parque empresarial, si ben agora a prioridade é soterrar a liña de alta tensión que cruza o polígono residencial de Torneiros, unha vella demanda da veciñanza da parroquia e dos veciños e veciñas do Porriño”, sinalou o concelleiro.

O convenio

Nas declaracións da pasada semana o edil de Vías e Obras emprazaba á Asociación de Empresarios das Gándaras a crear unha entidade urbanística de conservación para o mantemento e conservación dos espacios públicos e servicios cos que conta o polígono. “O Concello comprométese a asinar un convenio de colaboración para financiar ao 50% as actuacións necesarias”, concluíu Pereira.

“O PSdeG estaría a favor de que se asinara un convenio –afirma Vaqueiro- como o que eu propuxen cando estabamos no goberno local, para que sexa a asociación de empresarios a que xestione, na súa totalidade ou en parte segundo o criterio do goberno local, a partida municipal de mantemento de As Gándaras. Así o fixemos no seu día en Educación, onde existen experiencias exitosas no Concello, como o sistema de autoxestión educativa dos centros educativos, polo que somos partidarios de extender dita práctica en Industria. Con todo, Pereira debe ter claro que a titularidade sempre debe ser municipal, porque estamos a falar de bens públicos que son propiedade do pobo de Porriño”.

O concelleiro de Vías e Obras quixo destacar o apoio do concello porriñés ao tecido empresarial do municipio. “Este goberno sempre apoiará ao tecido empresarial do municipio, como ten demostrado coa regularización de solo empresarial a disposición das empresas, ou mediante as xestións realizadas para a mellora das infraestruturas no municipio. A nosa predisposición para colaborar coa Asociación de Empresarios das Gándaras é total”, destacou.

blogs.apeneira.com/lourinha/2009/10/a-polemica-sobre-o-mantemento-do-poligono-de-as-gandaras-enfronta-a-bng-e-psdeg-do-porrino

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss